Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal

Certificación forestal FSC® e PEFC

Grupo de certificación forestal «Propietarios das Mariñas»

Tenzas é a entidade xestora do grupo de certificación de xestión forestal «Propietarios das Mariñas», que achega a certificación FSC® e PEFC aos pequenos propietarios e ás comunidades de montes veciñais en man común de Galicia e do Principado de Asturias, e a cadea de custodia ás empresas que compran e transforman a súa madeira. Máis de 5.200 propietarios xa venden madeira certificada a través do grupo.

Pila de troncos apeados nun monte certificado do grupo «Propietarios das Mariñas»

Certificación de xestión forestal

Un selo que demostra que o monte se xestiona ben

É unha avaliación independente que acredita que un monte se xestiona de forma ambientalmente adecuada, socialmente beneficiosa e economicamente viable. No grupo «Propietarios das Mariñas» faise seguindo os Principios e Criterios de FSC® (Forest Stewardship Council) e a norma UNE 162002 do sistema PEFC.

Ambientalmente adecuada

O aproveitamento da madeira e dos produtos non madeireiros mantén a biodiversidade, a produtividade e os procesos ecolóxicos do monte: áreas de reserva de frondosas, protección dos cursos de auga, control de invasoras.

Socialmente beneficiosa

As poboacións locais e a sociedade gozan a longo prazo dos beneficios do monte, as comunidades participan na planificación e os traballadores forestais operan con seguridade e cos seus dereitos garantidos.

Economicamente viable

Os plans de xestión teñen que ser rendibles. A certificación abre mercado: cada vez máis industrias só compran madeira certificada, e o selo acredita a orixe legal e sustentable que esixe a normativa europea.

Como funciona a certificación en grupo

Certificar unha finca soa é caro e complexo: sistema de xestión, auditoría externa anual e documentación ao día. Para unha parcela dunha hectárea non compensa. En grupo, unha entidade de grupo (Tenzas, como oficina central) deseña e leva o sistema, e cada propietario ou comunidade adhírese coa súa unidade de xestión forestal.

  • Un só certificado para todo o grupo, cun plan de xestión por unidade e unha oficina central que informa e organiza o proceso.
  • O custo repártese entre todos os membros: auditoría, documentación e seguimento páganse unha vez.
  • Auditoría interna e externa. Tenzas visita unha mostra de montes cada ano e GFA Certification audita o sistema e outra mostra.
  • Organización por distritos. 16 unidades de xestión rexional, unha por comarca ou distrito forestal.

Os mesmos técnicos que levan o sistema redactan os plans de xestión dos propietarios e os instrumentos de ordenación das comunidades de montes: o plan que se asina é o que despois se audita.

Carballeira en área de reserva de frondosas dentro dun monte certificado

O grupo en cifras

Un dos maiores grupos de certificación forestal de Galicia

Segundo os últimos informes de GFA Certification: recertificación PEFC de maio de 2024 e reavaliación FSC® de xullo de 2023.

5.237plans de xestión no certificado PEFC (5.231 membros)
30.714 hade superficie forestal certificada PEFC
15.158 hae 4.889 unidades de xestión no certificado FSC®
16unidades de xestión rexional, unha por distrito forestal
2015primeira certificación PEFC do grupo (18 de agosto)
2020certificación FSC® do grupo (1 de setembro)
FSC, Forest Stewardship Council PEFC, Programme for the Endorsement of Forest Certification

Como adherirse

Do primeiro contacto ao monte certificado

Poden adherirse propietarios particulares, comunidades de montes veciñais en man común e outras entidades con montes en Galicia ou Asturias. O papelame levámolo nós.

  1. Cóntanos que monte tes

    Referencias catastrais, superficie aproximada e que hai plantado. Con iso dicímosche se pode entrar no grupo e que cota lle corresponde.

  2. Plan de xestión da unidade

    Redactamos o plan da túa unidade de xestión forestal, ou adaptamos o instrumento de ordenación que xa teñas, conforme ao estándar FSC® e á norma UNE 162002.

  3. Sinatura do compromiso de adhesión

    Aceptas os requisitos do estándar e o procedemento interno do grupo. Desde ese momento o teu monte forma parte do certificado.

  4. Xestión e seguimento

    Comunícasnos os aproveitamentos e traballos antes de facelos; nós tramitámolos, rexistrámolos e facemos a auditoría interna anual.

  5. Venda de madeira certificada

    Cada corta sae coa documentación que acredita a súa orixe certificada e os códigos FSC® e PEFC do grupo.

Certificación de cadea de custodia

Do monte ao mercado sen perder o selo

A xestión forestal sustentable, por si soa, non establece o enlace entre o bosque e o mercado. Para garantir que a madeira e os seus derivados proceden de bosques ben xestionados existe a certificación de cadea de custodia, que Tenzas xestiona tamén en grupo para empresas forestais.

Que é

Permite ás empresas identificar e controlar os seus materiais certificados na compra, o transporte, a transformación e a venda. É requisito previo para usar o logotipo e as etiquetas de PEFC e FSC®.

En grupo

Implantar a cadea de custodia é un reto para as pequenas empresas. En grupo, varias empresas legalmente independentes comparten un só certificado, cunha oficina central que leva o sistema e reparte o custo.

Para quen

Rematantes, serradoiros, estelladoras e almacenistas que compran madeira certificada e queren vendela como tal. Límite de tamaño: menos de 25 empregados e un millón de dólares de facturación anual en FSC®; menos de 50 empregados e 9 millóns de francos suízos en PEFC.

Todos os servizos para empresas e profesionais do sector

Grupo de produtos

Produtos e especies amparados polo certificado FSC®

Tipos de produto segundo a clasificación FSC-STD-40-004a; especies segundo a nomenclatura GRIN.

Categoría de input Declaración de output Sistema de control Tipo de produto Especies
FSC 100 % FSC 100 % Sistema de transferencia W1.1 Madeira en rolo (toradas)
W1.2 Leña
W1.3 Pólas
Eucalyptus globulus (eucalipto azul), E. maidenii (eucalipto de Maiden), E. camaldulensis (eucalipto vermello), E. nitens (eucalipto brillante), E. grandis (eucalipto rosado), E. saligna, E. regnans, Eucalyptus spp.; Pinus radiata (piñeiro de Monterrei ou insigne), Pinus pinaster (piñeiro do país), Pinus sylvestris (piñeiro silvestre), Pinus spp.; Quercus robur (carballo común), Quercus rubra (carballo americano), Quercus spp.; Castanea sativa (castiñeiro), Castanea spp.; Betula alba (bidueiro); Salix alba (salgueiro branco), Salix spp.; Alnus glutinosa (ameneiro), Alnus spp.; Prunus avium (cerdeira brava), Prunus spp.; Juglans regia (nogueira), Juglans spp.
FSC 100 % / Material controlado FSC Mixto Crédito / FSC Madeira Controlada Sistema de créditos W1.2 Leña
W3 Madeira en estelas ou partículas: W3.1 Estelas, W3.2 Serraduras
W5 Madeira maciza (serrada, estelada, desenrolada): W5.4 Táboas
N1 Cascas
N2 Acondicionadores de solo e substratos para plantas
Pinus radiata D. Don (piñeiro insigne), Pinus pinaster Aiton (piñeiro do país), Pinus sylvestris (piñeiro silvestre), Pinus spp.; Eucalyptus globulus (eucalipto azul)

Documentación pública

Certificados, informes de auditoría e resumo do plan de xestión

Os estándares FSC® e PEFC esixen que a entidade de grupo poña esta documentación a disposición pública. Aquí está, sen rexistro nin solicitude previa.

Estándares aplicables. Estándar español de xestión forestal FSC-STD-ESP-03-2018, estándar de grupos FSC-STD-30-005 e, en PEFC, norma UNE 162002:2013 dentro do Sistema Español de Certificación Forestal. Os textos oficiais están nas webs de FSC España e PEFC España.

A política da entidade de grupo (compromisos anticorrupción, cos dereitos dos traballadores e coa igualdade de xénero), o procedemento de resolución de conflitos e o resumo das auditorías internas facilítanse gratis a quen acredite o seu interese e os pida por escrito a info@tenzas.es ou por correo postal. En papel cóbranse só os custos de reprodución.

Partes interesadas

Participar na xestión dos montes do grupo

Tenzas, Enxeñería e Asesoramento Legal, S.L., como entidade do grupo de certificación «Propietarios das Mariñas», informa todas as persoas e entidades que poidan ser partes interesadas de que:

  • Teñen a oportunidade de participar, logo de solicitude previa, no seguimento e nos procesos de planificación das actividades de xestión que se realicen en montes adscritos ao grupo e que afecten os seus intereses.
  • Para iso deben facilitarnos os seus datos de contacto e a súa área xeográfica de interese, de xeito que poidamos contactar con eles e promover a súa participación nesas actividades de seguimento e planificación.
  • Poden participar tamén de forma proactiva nos seguintes procesos que afecten montes incluídos no grupo:
    • Procesos de resolución de conflitos.
    • Identificación dos dereitos, lugares e impactos.
    • Actividades de desenvolvemento socioeconómico das comunidades locais.
    • Avaliación, xestión e seguimento dos altos valores de conservación.
    • Procesos de planificación das actividades de xestión que afecten os seus intereses, e o seu seguimento.
  • Poden facernos chegar a súa solicitude de participación, as súas suxestións, queixas ou reclamacións por calquera das canles que se indican a continuación.
Bosque caducifolio no monte de Raño, área de reserva de frondosas dunha unidade certificada

Queixas, reclamacións e suxestións

Calquera persoa pode presentar unha queixa sobre a xestión dos montes do grupo

Membros, veciños, traballadores, empresas, asociacións ou administracións: todas as queixas, reclamacións e suxestións rexístranse e respóndense segundo o procedemento de resolución de conflitos do grupo. Usa calquera destas tres canles ou o formulario de contacto.

  • Por correo postalTenzas, Enxeñería e Asesoramento Legal, S.L. · R/ Miguel de Cervantes 51, entrechán · 27003 Lugo
  • Por teléfono982 98 60 51 · 982 80 91 54
  • Por correo electrónicoinfo@tenzas.es

Preguntas frecuentes

O que nos preguntan antes de certificar

Que diferenza hai entre FSC e PEFC?

Son os dous sistemas de certificación forestal recoñecidos internacionalmente. FSC® aplica un estándar propio adaptado a cada país (en España, FSC-STD-ESP-03-2018). PEFC recoñece sistemas nacionais: en España, o Sistema Español de Certificación Forestal, baseado na norma UNE 162002. O grupo «Propietarios das Mariñas» está certificado cos dous, así que o propietario pode vender a súa madeira baixo o selo que lle pida o comprador.

Canto custa certificar en grupo?

Moito menos que certificar unha finca soa. A auditoría externa, a documentación do sistema e a oficina central páganse unha vez para todo o grupo e o custo repártese entre os membros. A cota depende da superficie e do tipo de propiedade; pídenos un orzamento sen compromiso.

Que obrigas teño como membro do grupo?

Xestionar o monte conforme ao plan de xestión da túa unidade, comunicar á entidade de grupo os aproveitamentos e traballos antes de facelos, contratar empresas que cumpran os requisitos do grupo, conservar a documentación e permitir as visitas de auditoría interna e externa. A entidade de grupo leva o sistema e avísate do que toca en cada momento.

Pódese vender madeira certificada sen cadea de custodia?

O propietario certificado vende a súa madeira en pé ou en cargadoiro como certificada sen necesidade de cadea de custodia propia. A partir de aí, cada empresa que compra, transforma ou comercializa esa madeira necesita o seu propio certificado de cadea de custodia para manter a declaración FSC® ou PEFC ata o produto final. Se es empresa, mira a cadea de custodia en grupo.

Quen audita o grupo?

GFA Certification GmbH, entidade de certificación acreditada con sede en Hamburgo. Audita o grupo cada ano, con visitas de campo a unha mostra de montes e revisión documental na oficina de Tenzas en Lugo. A última reavaliación FSC® foi en xullo de 2023 e a recertificación PEFC en maio de 2024. Os informes están na sección de documentación.

Contacto

Queres certificar o teu monte ou a túa empresa?

Dinos que monte tes ou que madeira compras e explicámosche que cota che corresponde e que papeis fan falta.