03 · Servizos
Profesionais do sector forestal
Certificamos a cadea de custodia FSC® e PEFC de empresas forestais en grupo, validamos a súa documentación para traballar en montes certificados e dámoslles acceso ás licitacións de madeira e de obras dos montes que xestionamos en Galicia e Asturias. Para empresas de aproveitamento, rematantes, serradoiros, viveiros e empresas de obra forestal.
Que resolvemos
Vender madeira certificada e entrar en montes que a producen
Cada vez máis madeira galega sae de montes certificados. Para comprala, cortala e vendela como tal, a empresa necesita o seu propio certificado e os seus papeis en regra.
Cadea de custodia FSC® e PEFC en grupo
Tenzas xestiona o grupo de certificación de cadea de custodia «Propietarios das Mariñas», que existe para que as empresas pequenas poidan certificarse sen cargar soas co custo e o sistema.
- FSC: empresas con menos de 25 empregados e unha facturación anual de ata 1 millón de dólares.
- PEFC: empresas con menos de 50 empregados e unha facturación anual inferior a 9 millóns de francos suízos.
- A oficina central leva o sistema, a documentación e as auditorías; a empresa aplica o procedemento.
- Certificados e documentación pública do grupo
Licitacións de madeira e de obras
Os aproveitamentos e as obras dos montes que xestionamos adxudícanse por licitación entre empresas dadas de alta. As ofertas preséntanse en liña, cifradas ata a apertura, coas mesmas condicións para todos.
- Lotes de madeira sinalados e cubicados, con prego de condicións.
- Obras forestais: rozas, pistas, peches, plantacións, faixas de biomasa.
- Aviso de cada licitación aberta ás empresas validadas.
Validación documental para montes certificados
Un monte certificado só pode deixar entrar empresas coa documentación en regra. Sóbea unha vez, validámola e o sistema avisa antes de que caduque.
- Identificación fiscal da empresa.
- Inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (REFOR).
- Seguro de responsabilidade civil en vigor.
- Datas de caducidade controladas e avisos de renovación.
Asesoramento legal en contratos e responsabilidade
A compravenda de madeira en pé séguese pechando moitas veces cunha aperta de mans. Cando algo sae mal, o contrato é o único que conta.
- Contratos de compravenda de madeira e de prestación de servizos forestais.
- Responsabilidade por danos, prazos, fianzas e liquidacións.
- Reclamacións e recursos ante propietarios, comunidades e Administración.
Formación
Formamos o persoal da empresa no que esixe a certificación e no que pide o monte: cadea de custodia, boas prácticas na corta e requisitos dos pregos.
- Procedemento de cadea de custodia FSC® e PEFC.
- Traballo en montes certificados: que se pode facer e que non.
- Sesións á medida para a empresa ou para asociacións do sector.
Como darse de alta como empresa provedora
Catro pasos para recibir as licitacións
A alta é única. Unha vez validada, a empresa queda na lista de provedores de todos os montes que xestionamos.
Solicitar a alta
Escríbenos desde o formulario de contacto ou chama ao 982 809 154, co nome da empresa, a actividade e a zona na que traballades.
Subir a documentación
Identificación fiscal, inscrición REFOR e seguro de responsabilidade civil, na área do cliente de xestion.tenzas.es.
Validación
Revisamos cada documento e rexistramos as súas datas de caducidade. Se falta algo, dicímoscho antes de pechar a alta.
Licitacións e avisos
Recibes aviso de cada lote de madeira ou de obra que sae, presentas a túa oferta en liña e o sistema avísate cando un documento está a piques de vencer.
Área do cliente
Licitacións e documentación, nun só sitio
A empresa provedora entra co seu usuario e ve as licitacións abertas, o prego e o plano de cada lote, presenta a súa oferta cifrada e consulta o estado da súa documentación. Os propietarios e as comunidades ven, do outro lado, que empresas teñen a documentación ao día.
Preguntas frecuentes
O que nos preguntan as empresas
Que é a cadea de custodia e por que a necesito?
A certificación de xestión forestal garante que o monte se xestiona ben, pero non segue a madeira cando sae del. A cadea de custodia é o certificado que lle permite a unha empresa identificar e controlar o material certificado desde que o compra ata que o vende, e é requisito para usar as etiquetas FSC® e PEFC e vender produto certificado.
A miña empresa pode entrar no grupo de cadea de custodia?
O grupo está pensado para empresas pequenas legalmente independentes. Para FSC®, a empresa debe ter menos de 25 empregados e unha facturación anual de ata 1 millón de dólares; para PEFC, menos de 50 empregados e menos de 9 millóns de francos suízos. Se a túa empresa supera eses limiares, orientámoste cara a un certificado individual.
Como accedo ás licitacións de madeira de Tenzas?
Dándote de alta como empresa provedora. Pídesnos a alta, sobes a túa documentación á área do cliente, validámola e a partir de aí recibes as licitacións de madeira e obras dos montes que xestionamos e presentas as túas ofertas en liña.
Que documentación me piden para traballar nun monte certificado?
A identificación fiscal da empresa, a inscrición no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (REFOR) e o seguro de responsabilidade civil en vigor, ademais do que esixa cada prego. O sistema garda as datas de caducidade e avisa antes de que venza un documento.
Revisades os contratos de compravenda de madeira?
Si. Redactamos e revisamos contratos de compravenda de madeira en pé e de servizos forestais, e asesoramos sobre responsabilidade, prazos, fianzas e danos. Contamos cunha licenciada en Dereito no equipo, que traballa xunto aos enxeñeiros forestais.
Canto custa a alta como provedor?
Consúltanos. As condicións da alta e da participación nas licitacións explícanse ao solicitar o acceso, e a certificación de cadea de custodia en grupo ten a súa propia cota, que se reparte entre as empresas adheridas.
Contacto
Cóntanos a que se dedica a túa empresa e en que zona traballa
Unha empresa de corta que quere entrar en montes certificados, un serradoiro que necesita a cadea de custodia, un viveiro que quere optar ás obras que licitamos. Escríbenos ou chama, e dicímosche que fai falta.
- R/ Miguel de Cervantes 51, entrechán27003 Lugo (Galicia)
- 982 809 154De luns a venres, en horario de oficina
- info@tenzas.esConsultas, orzamentos e partes interesadas da certificación