De que falamos
Un resultado ambiental só vale se se pode medir e comprobar
Os servizos ecosistémicos son os beneficios que o monte presta a quen vive nel e arredor del: o carbono que fixa a vexetación e garda o solo, a auga que regula, a biodiversidade que mantén, o solo que non se perde ou o risco de incendio que baixa cando hai xestión.
Unha actuación nun monte pode mellorar eses servizos, pero para presentala como un resultado hai que saber de onde se parte (a liña de base), medir o cambio cunha metodoloxía coñecida, seguilo no tempo e que o comprobe alguén independente. Sen iso, non hai resultado que ofrecer: hai unha boa intención.
En SILVO+ estamos a traballar, con NIGAL e ENCE, nunha metodoloxía para cuantificar e verificar os servizos ecosistémicos do silvopastoreo. E como xestores do grupo de certificación FSC® e PEFC «Propietarios das Mariñas» coñecemos por dentro como se audita a xestión dun monte.
O que non imos dicir
Non falaremos de compensar emisións, de neutralidade climática nin de impactos concretos se o proxecto non ten detrás unha metodoloxía, unha verificación e uns documentos que o sosteñan.
Cada ficha separa o que está medido e verificado do que é unha previsión, e indica os riscos e as limitacións. Se un dato aínda non existe, a ficha pon «Non publicado».