Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal

01 · Servizos

Comunidades de montes veciñais en man común

Levamos a parte técnica e a parte legal do monte veciñal para que a xunta reitora non cargue soa con ela: instrumento de ordenación, estatutos e asembleas, venda de madeira, deslindes, convenios e certificación FSC® e PEFC. Enxeñeiros forestais e xuristas nun mesmo equipo, desde Lugo, para comunidades de toda Galicia e Asturias.

Penedos de granito na serra do monte veciñal de Raño, en Irixoa

Que resolvemos

O que unha xunta reitora ten enriba da mesa

Cada comunidade chega cun asunto concreto. Case sempre, ao miralo, aparecen outros dous. Estes son os que máis nos encargan.

Instrumento de ordenación ou de xestión forestal

É o documento que di que hai no monte e que se vai facer con el nos próximos anos. A Lei 7/2012 de montes de Galicia fixa un prazo legal para dispoñer del.

  • Inventario, cartografía de teselas e plan de aproveitamentos e melloras.
  • Redacción, tramitación electrónica ante a Xunta e revisións.
  • Adhesión a modelos silvícolas cando é a opción que convén.

Estatutos, asembleas e relación coa Xunta

A comunidade funciona se os seus papeis funcionan: estatutos ao día, asembleas ben convocadas, actas que se sosteñen e un libro de comuneiros ordenado.

  • Redacción e actualización de estatutos.
  • Convocatorias, actas e acordos da asemblea xeral.
  • Comunicacións, rexistros e expedientes ante a Administración.

Aproveitamentos madeireiros e licitación

Vender madeira ben é sinalar ben, cubicar ben e facer que varias empresas compitan polo lote coas mesmas condicións.

  • Sinalamento, cubicación e prego de condicións.
  • Licitación entre empresas coa documentación validada antes de entrar no monte.
  • Control da corta, liquidación e peche do expediente.

Deslindes, lindes e ocupacións

Moitos montes veciñais non teñen os seus límites claros sobre o terreo nin no catastro. Iso acaba en conflitos con veciños, con particulares ou con outras comunidades.

  • Deslindes e amolloamentos con levantamento topográfico.
  • Conflitos de lindes e ocupacións: informe técnico e defensa xurídica.
  • Coordinación co catastro para que o plano e o papel coincidan.

Convenios, permutas e infraestruturas

Parques eólicos, liñas eléctricas, pistas ou expropiacións: o monte recibe propostas que convén ler con calma antes de asinar.

  • Convenios e consorcios coa Administración.
  • Permutas e expropiacións: valoración, alegacións e recursos.
  • Contratos con promotores de eólicos e liñas: revisión e negociación.

Faixas de biomasa e prevención de incendios

As faixas de xestión de biomasa arredor de núcleos, vivendas e pistas son unha obriga recorrente. Cartografámolas, proxectámolas e facemos o seguimento.

  • Cartografía das faixas sobre ortofoto e catastro.
  • Proxectos de roza, pistas, puntos de auga e peches.
  • Dirección de obra e seguimento a 3, 6 e 12 meses.

Subvencións e axudas

Buscamos a convocatoria que encaixa co que o monte necesita, preparamos a solicitude e xustificamos a axuda ata o cobro.

  • Axudas da Xunta de Galicia e da Unión Europea.
  • Programas privados de fundacións e empresas.
  • Memoria, orzamento, solicitude e xustificación.

Certificación forestal en grupo

Tenzas xestiona o grupo de certificación FSC® e PEFC «Propietarios das Mariñas». A comunidade adhírese, reparte o custo con miles de propietarios e vende madeira certificada.

Proxectos silvopastorais

Cabalos e cabras que manteñen o monte limpo, recuperan pastos e reducen o risco de incendio. Proxectámolo no monte veciñal de Raño (Irixoa).

  • Deseño do sistema, peches e cercado virtual con colares GPS.
  • Financiamento a través de convocatorias públicas e privadas.
  • Ver o proxecto Raño Vivo

Como traballamos

Catro pasos, un interlocutor

A xunta reitora fala cunha soa persoa, que responde da parte técnica e da parte xurídica.

  1. Visita e diagnóstico

    Imos ao monte, revisamos a documentación que ten a comunidade e dicimos que está en regra, que falta e que urxe.

  2. Proposta con prezo pechado

    Unha proposta por escrito, con alcance, prazos e prezo, para que a xunta reitora a poida levar á asemblea.

  3. Execución técnica e xurídica

    Redactamos, tramitamos, licitamos, diriximos a obra ou defendemos o expediente. O que toque, co mesmo equipo.

  4. Seguimento e área do cliente

    A comunidade ve o seu monte, os seus expedientes e as súas licitacións en xestion.tenzas.es, e nós avisamos de prazos e revisións.

Área do cliente

O monte da comunidade, no móbil da xunta reitora

Cada comunidade que traballa connosco ten o seu espazo en liña: o mapa de teselas sobre ortofoto e catastro, coas faixas de xestión de biomasa; os expedientes en marcha, co seu estado e os seus documentos; e as licitacións de madeira e obras, coas ofertas cifradas ata a apertura e as empresas coa documentación ao día. Planos A4 e A3 listos para expedientes, e descarga en GeoJSON, KML e GPX.

Preguntas frecuentes

O que nos preguntan as comunidades

Que pasa se a nosa comunidade non ten instrumento de ordenación?

A Lei 7/2012 de montes de Galicia fixa un prazo para que os montes dispoñan dun instrumento de ordenación ou de xestión forestal. Sen el, a comunidade ten máis difícil autorizar cortas, acceder a axudas e xustificar a súa xestión ante a Xunta. Nós redactamos o instrumento, tramitámolo por vía electrónica e mantémolo actualizado.

Como vendemos a madeira do monte?

Sinalamos e cubicamos o lote, preparamos o prego, sacámolo a licitación entre empresas coa documentación validada e presentámoslle as ofertas á xunta reitora para que decida. Despois controlamos a corta e a liquidación. Se o monte está certificado, a madeira sae co seu certificado e adoita ter máis saída.

Podemos certificar o monte se é pequeno?

Si. Tenzas xestiona o grupo de certificación FSC® e PEFC «Propietarios das Mariñas», onde o custo do certificado se reparte entre miles de propietarios e comunidades. A comunidade adhírese ao grupo e cumpre o plan; a oficina central leva o sistema e as auditorías. Máis sobre a certificación en grupo.

Axudádesnos coa asemblea e os estatutos?

Si. Redactamos ou actualizamos os estatutos, preparamos as convocatorias e as actas, ordenamos o libro de comuneiros e acompañamos a xunta reitora na súa relación coa Xunta. Contamos cunha licenciada en Dereito no equipo, así que non fai falta acudir a outro despacho.

Traballades fóra de Lugo?

Si. A oficina está en Lugo, pero traballamos en toda Galicia e no Principado de Asturias. O grupo de certificación que xestionamos ten 16 unidades de xestión rexional, unha por distrito forestal.

Canto custa?

Depende da superficie do monte, do que haxa que facer e da documentación de partida. Tras unha primeira visita presentamos unha proposta con prezo pechado, e a xunta reitora pode levala á asemblea antes de encargar nada. Se hai unha axuda pública que cubra parte do traballo, dicímolo.

Contacto

Cóntanos que monte leva a túa comunidade e que vos preocupa

Un instrumento de ordenación que non chega, unha corta que queredes sacar a licitación, unha linde que ninguén ten clara. Escríbenos ou chama, e dicímosche por onde empezar.