Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal
NormativaTenzas

Regulamento europeo de deforestación (EUDR): que cambia para a madeira galega desde o 30 de decembro de 2026

O Regulamento (UE) 2023/1115 substitúe o regulamento da madeira (EUTR). Desde o 30 de decembro de 2026, quen poña madeira no mercado terá que acreditar de que parcela saíu, cando se cortou e que a corta foi legal. A prórroga de 2027 para as pequenas empresas non vale para a madeira.

Morea de troncos de madeira apeada nun monte certificado

Nota técnica de Tenzas. Comprobada o 3 de outubro de 2026 contra o documento de orientación da Comisión Europea publicado no Diario Oficial da Unión Europea o 20 de xullo de 2026. Resume a norma e as súas consecuencias prácticas; non a substitúe.

Que cambia

O Regulamento (UE) 2023/1115, sobre produtos libres de deforestación (coñecido como EUDR), substitúe o antigo regulamento da madeira da Unión Europea (EUTR, Regulamento 995/2010). Para vender madeira na Unión xa non abondará con que a corta sexa legal: quen a poña no mercado terá que presentar unha declaración de dilixencia debida que acredite que:

  • a madeira non procede de terreos deforestados despois do 31 de decembro de 2020;
  • a corta cumpriu a lexislación do país de produción (no noso caso, a de montes e aproveitamentos de Galicia);
  • se coñece a xeolocalización de todas as parcelas de onde saíu e a data ou o período da corta.

Desde cando

Tras a modificación do Regulamento (UE) 2025/2650 (DOUE do 23 de decembro de 2025), as obrigas aplícanse desde o 30 de decembro de 2026. As microempresas e pequenas empresas constituídas como tales ata o 31 de decembro de 2024 teñen ata o 30 de xuño de 2027, pero esa prórroga non vale para a madeira e os produtos de madeira que xa recollía o antigo regulamento EUTR.

A madeira cortada a partir do 30 de decembro de 2026 ten que cumprir o EUDR.

A quen afecta

  • A quen pon a madeira no mercado (o «operador»). Nun produto nacional adoita ser quen é dono da madeira no momento da venda. Se o contrato fai que o rematante sexa dono da madeira polo simple feito de cortala, o operador é el; non o é se a lei ou o contrato prevén que a propiedade se transmita despois. Por iso convén revisar como están redactados os contratos de venda de madeira.
  • Propietarios particulares e comunidades que venden madeira como actividade comercial. Se son persoas físicas, microempresas ou pequenas empresas establecidas nun país de risco baixo e venden madeira cortada nas súas propias parcelas, son «micro ou pequenos operadores primarios» e teñen un réxime simplificado: presentan unha única declaración simplificada no sistema de información da Unión e poden indicar o enderezo postal en vez da xeolocalización, se corresponde claramente coa parcela.
  • Rematantes, serradoiros e industria. Teñen que recoller dos seus provedores a xeolocalización e a data de corta e manter un sistema de dilixencia debida.

España figura como país de risco baixo no Regulamento de Execución (UE) 2025/1093. Quen se abastece só de países de risco baixo non ten que facer a avaliación e a redución do risco, salvo que teña información de que algo non cumpre; pero si ten que recoller a información e presentar a declaración.

Que tes que facer

  • Propietario ou comunidade: ter localizadas e delimitadas as parcelas de corta (referencia catastral e, mellor, a súa xeometría), gardar a declaración responsable ou a autorización de corta e, se a houbo, a comunicación final, e deixar claro no contrato de venda quen será o operador.
  • Madeireiro ou serradoiro: pedir a xeolocalización e o período de corta de cada lote e ter listo o sistema de dilixencia debida antes de vender madeira cortada desde o 30 de decembro de 2026.
  • Membros do grupo «Propietarios das Mariñas»: segundo a Comisión, a certificación forestal pode achegar información útil (por exemplo, sobre a xeolocalización e a legalidade), pero a declaración segue sendo responsabilidade do operador.

Fontes

Fonte
Comunicación da Comisión C/2026/3896: documento de orientación do Regulamento (UE) 2023/1115 — Diario Oficial da Unión Europea (serie C), 20 de xullo de 2026