Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal
Certificación forestalTenzas

Certificación PEFC: desde novembro de 2026 todas as auditorías serán coa norma UNE 162002:2025

O novo Sistema Español de Certificación Forestal, coa norma UNE 162002:2025, está en vigor desde o 19 de novembro de 2025. Ata novembro de 2026 aínda se pode auditar co sistema anterior; despois, todas as auditorías serán co novo.

Bosque caducifolio no monte de Raño, en Irixoa

Nota técnica de Tenzas. Comprobada o 3 de outubro de 2026 contra a información oficial publicada por PEFC España. Resume a norma e as súas consecuencias prácticas; non a substitúe.

Que cambia

PEFC Internacional recoñeceu o 24 de xuño de 2025 o novo Sistema Español de Certificación Forestal. O sistema compóñeno o Documento Marco, o Documento Técnico Normativo (cos requisitos para certificar montes en España, incluídas as modalidades e os niveis de certificación), os Procedementos Xerais de PEFC e a norma UNE 162002:2025 de Xestión Forestal Sostible. Criterios e indicadores, que substitúe a versión de 2013. UNE aprobou a norma en abril de 2025 e o BOE publicouna o 19 de maio de 2025.

Segundo PEFC España, a revisión recolle os requisitos de PEFC Internacional, a experiencia de aplicación e a lexislación vixente, incluído o regulamento europeo de deforestación (EUDR).

Desde cando

  • 19 de novembro de 2025: entra en vigor o novo sistema e empeza un período transitorio de 12 meses.
  • Ata novembro de 2026: as entidades certificadas poden auditarse co sistema novo ou co anterior.
  • Desde novembro de 2026: todas as auditorías teñen que facerse co sistema de 2025.

A quen afecta

A todos os montes con certificado PEFC de xestión forestal sostible en España. O certificado PEFC do grupo «Propietarios das Mariñas» (GFA-PEFC-FM/COC-500252) emitiuse coa norma UNE 162002:2013, polo que as súas auditorías desde novembro de 2026 serán coa norma de 2025.

Que tes que facer

  • Membro do grupo «Propietarios das Mariñas»: a adaptación do sistema do grupo correspóndelle a Tenzas como entidade xestora. Se a nova norma pide algo distinto na xestión do teu monte, comunicarémoscho antes da auditoría.
  • Monte certificado pola súa conta ou noutro grupo: pregunta á túa entidade de certificación ou de grupo en que auditoría se aplicará a nova norma.
  • Quen queira certificarse agora: as novas adhesións xa se avaliarán, como tarde desde novembro de 2026, coa norma de 2025.

Fontes