Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal
Proxectos Tenzas

«Raño Vivo» preséntase en Irixoa o 22 de setembro

O proxecto silvopastoral do monte veciñal de Raño, redactado por Tenzas, preséntase publicamente o 22 de setembro de 2026 dentro da convocatoria «Comprometidos con nuestros bosques» de Carrefour e FSC España.

Cabalos de pura raza galega entre piñeiros no monte veciñal de Raño
Cabalos de pura raza galega no monte veciñal de Raño (Irixoa, A Coruña).

O próximo 22 de setembro de 2026 preséntase en Irixoa (A Coruña) o proxecto Raño Vivo, a proposta silvopastoral para o monte veciñal en man común de Raño que Tenzas redactou e dirixe tecnicamente. A presentación enmárcase na convocatoria «Comprometidos con nuestros bosques» 2026, impulsada por Carrefour e coordinada por FSC España, que financia a xestión activa de bosques certificados.

Que é Raño Vivo

O monte de Raño, na parroquia de Veríns, ten unhas 342 hectáreas certificadas FSC® dentro do grupo «Propietarios das Mariñas» que xestiona Tenzas. Como tantos montes galegos, sofre o mesmo problema: falta de gando, mato de máis e, con el, un risco de incendio alto. A iso súmase a presión do lobo, que impediu manter animais de forma estable.

Raño Vivo devolve o gando ao monte como ferramenta de xestión forestal, coas medidas necesarias para que a convivencia co lobo sexa viable:

  • Recuperación de 20 hectáreas de pradeiras mediante roza e encalado, sen labra nin sementeira.
  • Un peche fixo antilobo de 1.210 metros, electrificado, para protexer eguas e poldros na primavera.
  • Control biolóxico da acacia negra cun rabaño de cabras nas masas de frondosas.
  • Dez cabalos de pura raza galega, unha raza autóctona adaptada ao monte.
  • Colares GPS disuasorios que localizan a cabana en tempo real e mostran onde pasta de verdade.

O monte conserva 72 hectáreas de carballeiras galaico-portuguesas, un hábitat de interese comunitario (HIC 9230), e conta cun Documento de Certificación de Servizos do Ecosistema aprobado con impacto verificado en biodiversidade. Esa liña base permitirá medir e comunicar os resultados do proxecto con indicadores auditables.

O papel de Tenzas

Tenzas redactou a memoria técnica e económica, a cartografía de actuacións e o plan de seguridade e saúde, e asume a coordinación técnica, o seguimento dos indicadores e o cadro de mando do proxecto. A memoria técnica está asinada en Lugo o 14 de febreiro de 2026 por José Manuel Yglesias Espiño, enxeñeiro técnico forestal.

Raño Vivo é un modelo pensado para replicarse noutros montes veciñais con mato, lobo e ganas de volver meter gando.

Toda a información do proxecto, coas cifras, as actuacións e as fotografías do monte, está na páxina de Raño Vivo. A proposta relaciónase tamén con SILVO+, o proxecto de I+D+i sobre silvopastoreo intelixente no que participa Tenzas.