Tenzas, xestión forestal Enxeñaría do medio natural e asesoramento legal
I+D+i Tenzas

Tenzas, NIGAL e ENCE poñen en marcha SILVO+ co programa NEXOS

A Axencia Galega de Innovación apoia o proxecto de silvopastoreo intelixente, cun orzamento de 1,02 millóns de euros e cofinanciamento da Unión Europea.

Aeroxeradores no cume do monte de Raño, con mato e pradeiras en primeiro plano
Monte de Raño (Irixoa), un dos montes certificados nos que Tenzas traballa o silvopastoreo.

En xullo de 2026, a agrupación formada por Tenzas, Enxeñería e Asesoramento Legal, S.L., Nova Industria Galega (NIGAL) e ENCE Energía y Celulosa, S.A. obtivo apoio na convocatoria NEXOS 2025, promovida pola Axencia Galega de Innovación, para desenvolver SILVO+: «Prevención de incendios e servizos ecosistémicos mediante silvopastoreo intelixente».

Que quere demostrar SILVO+

SILVO+ pretende transformar o modelo agroforestal galego integrando tecnoloxías dixitais, intelixencia artificial e metodoloxías de certificación de servizos ecosistémicos. A súa finalidade é demostrar que o silvopastoreo asistido por tecnoloxía pode ser unha ferramenta eficaz para previr incendios forestais, darlle valor á gandería extensiva e xerar novos ingresos a partir dos servizos ambientais que presta o monte.

O obxectivo principal é desenvolver e validar modelos integrais de silvopastoreo intelixente que optimicen o uso do gando para controlar a biomasa forestal. Eses modelos combinarán a carga de combustible vexetal, o tipo de solo, as condicións climáticas, a topografía e as características de cada especie gandeira para deseñar a estratexia preventiva máis axeitada para cada territorio.

Que se vai desenvolver

  • Modelos preditivos de capacidade de pastoreo.
  • Pastoreo virtual: validación de colares GPS, cercas electrónicas e infraestruturas móbiles intelixentes.
  • Unha metodoloxía estandarizada para cuantificar, verificar e certificar servizos ecosistémicos como a captura de carbono, a conservación da biodiversidade e a mellora dos solos, con trazabilidade mediante sistemas independentes de verificación.
  • Unha plataforma dixital que integre todo o anterior para xestionar explotacións silvopastorais, monitorizar resultados e facilitar a comercialización deses servizos.

Con isto búscase un novo modelo de xestión forestal intelixente que reduza o risco de incendios, impulse a dixitalización do sector agroforestal, favoreza a economía circular e abra oportunidades económicas ligadas aos servizos ambientais, mellorando a competitividade do sector forestal galego e a resiliencia do territorio fronte ao cambio climático. Os resultados están pensados para seren escalables e transferibles a outras zonas forestais.

Financiamento

O proxecto está subvencionado pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia e cofinanciado pola Unión Europea.

  • Expediente: IN852A 2025/31.
  • Orzamento do proxecto: 1.022.371,60 €.
  • Importe subvencionado: 595.621,84 €.
  • Data de inicio: segundo a resolución de concesión do programa NEXOS 2025.
Cartel de publicidade do proxecto SILVO+, subvencionado pola Axencia Galega de Innovación e cofinanciado pola Unión Europea
Cartel informativo da axuda. Descrición do proxecto en PDF (43 KB).

Que achega Tenzas

Tenzas pon en SILVO+ o seu coñecemento do monte galego e de quen o xestiona, e a súa experiencia como entidade xestora do grupo de certificación FSC® e PEFC «Propietarios das Mariñas». A metodoloxía de certificación de servizos ecosistémicos que persegue o proxecto conecta co traballo que xa se fai no grupo cos Documentos de Certificación de Servizos do Ecosistema. Sobre o terreo, o proxecto Raño Vivo, no monte veciñal de Raño (Irixoa), é o exemplo real de silvopastoreo con cabalos, cabras e colares GPS nun monte certificado.

Máis información na páxina do proxecto SILVO+ e en Financiamento público.